Premio Cineuropa 2026 para Felipe Lage, presidente de AGAPI e fundador da produtora Zeitun Films

Premio Cineuropa 2026 para Felipe Lage, presidente de AGAPI e fundador da produtora Zeitun Films

Premio Cineuropa 2026 para Felipe Lage, presidente de AGAPI e fundador da produtora Zeitun Films

O produtor Felipe Lage, a actriz Laia Marull e o cineasta Robert Guédiguian son recoñecidos cos Premios Cineuropa na súa 40ª edición, que tamén recoñecerá co seu máximo galardón a traxectoria do proxeccionista Moisés González.

Felipe Lage Coro fundou Zeitun Films xunto ao seu irmán Oliver Laxe en 2009. Desde entón, todas as súas producións foron recoñecidas nalgúns dos festivais de cine máis prestixiosos do mundo, como Cannes, Berlín, Locarno, Toronto, Róterdam, Sevilla ou Busan. É produtor graduado no programa EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs) na promoción de 2013. Desde 2015 imparte clases de produción na ECAM e, desde 2018, forma parte do claustro do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA). Actualmente preside AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e colabora como consultor de proxectos para a axencia europea MEDIA Creative Europe. En 2022 foi seleccionado como representante de España no programa Producers on the Move do Festival de Cannes.

O crítico Martin Pawley adicou a través de CINEUROPA estas palabras ao galardoado:

Nun tempo no que o “prime time” premia os discursos banais golsados con odio é cada vez máis doado recoñecer quen son os bos e xenerosos e quen os imbéciles e escuros. A única verdadeira polarización consiste niso, en escoller entre a decencia e a barbarie, e digámolo claro, non é nada difícil. De cando en cando podémonos equivocar, mais as máis das veces os monstros vense vir dende lonxe porque van deixando ao seu paso o regueiro de sangue da motoserra. Porén, a xente digna fai pouco ruído, móvese con discreción e entrégase sen pedir aplausos. A este valoroso clan pertence o produtor Felipe Lage, bo e xeneroso. Fai o que cre e cre no que fai e con esa actitude como guía participou na maioría das cousas importantes que aconteceron aquí no cinema nos últimos dezasete anos, dende que no 2009 naceu Zeitun Films para apadriñar un milagre chamado ‘Todos vós sodes capitáns’. O “novo cinema galego” medrou con el atrás como motor e compás, como práctico que fai que as embarcacións cheguen a bo porto. Do seu peito colgan fabulosas medallas: ‘Arraianos’, ‘Costa da Morte’, ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’, ‘Mimosas’, ‘A estrela errante’, ‘Lúa vermella’, mais tamén ‘Tshweesh’, ‘Sen ti’ ou ‘A guerra de Miguel’. Ou o que é o mesmo, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alberto Gracia, Feyrouz Serhal e Eliane Raheb, máis agora Adrián Canoura e Eloy Domínguez Serén e todas as e todos os cineastas que han de vir. O soño dun cinema de noso capaz de medirse en igualdade de condicións coa mellor creación de autor do planeta ten en Galiza un nome e apelido, Felipe Lage. Mais, para alén diso, Felipe foi e é o faro vixía que alumea os camiños de todos os demais, o amigo sempre disposto a regalar o seu tempo e o seu coñecemento para evitarlles a outros as liñas torcidas, o negociador paciente e rigoroso afeito a lidar coas bur(r)ocracias. Un activo militante do máis valioso patriotismo, un que non pode confinarse a unha pulseira: o mesmo patriotismo dos que, de Martín Sarmiento en adiante, pensaron e traballaron para espertarmos dun sono de séculos.