O Festival CINEUROPA e AGAPI organizan a xornada formativa ‘Da marxe ao centro: poder e creación en feminino’. Conversa entre as cineastas e produtoras Anxos Fazáns (Sétima), Jaione Camborda (Esnatu Zinema) e Marina García (Sintagma Films)

Hai corenta anos o Festival Cineuropa iniciou en Compostela unha viaxe que acabaría por se converter nunha das citas culturais máis queridas e recoñecibles do noso Concello. Catro décadas despois, o festival é moito máis que unha sucesión de películas: é unha maneira de entender a cultura, de compartir experiencias e de mirar o mundo desde a liberdade, a curiosidade e o pensamento crítico.
Do 6 ao 22 de novembro, Compostela volverá converterse nunha cidade de cinema. As pantallas iluminaranse de novo para nos ofrecer historias capaces de emocionar, sorprender, incomodar e facer pensar. E, con elas, volverá ese ritual tan noso de entrar nunha sala sen saber exactamente que imos achar e saír dela cunha mirada distinta.
Dentro desta 40º edición Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) propón un encontro arredor do papel das mulleres na dirección e na produción audiovisual galega. Un espazo para reflexionar sobre o liderado feminino no cinema, a autonomía creativa e os desafíos que aínda persisten en materia de igualdade, financiamento e acceso aos recursos. A conversa terá lugar o martes 17 de novembro ás 10h en Zona C e reunirá as cineastas e produtoras Anxos Fazáns (Sétima) e Jaione Camborda (Esnatu Zinema), xunto coa produtora Marina García (Sintagma Films). Moderado por Uxía Caride, xerente de AGAPI, o diálogo abordará as experiencias, os retos e as oportunidades de exercer o poder creativo e empresarial no audiovisual galego.
Inscricións en cineuropa.gal antes do luns 16 de novembro.
