‘Adiós, ríos’ (Tamboura Films) e ‘Todo é cárcere’ (Filmika Galaika) premiadas na 71ª Seminci, Semana Internacional de Cine de Valladolid

A 71º Semana de Cine de Valladolid vén de anunciar o seu palmarés con galardóns para as producións de asociadas de AGAPI ‘Adiós, ríos’ de Tamboura Films e ‘Todo é cárcere’ de Filmika Galaika. O cinema galego pechou cun éxito rotundo e unha ampla representación a Seminci, consolidando o peso, a calidade e a proxección internacional das producións impulsadas dende Galicia.
Entre os principais recoñecementos do palmarés, o director lucense Eloy Enciso alzouse co Premio DOC. España pola súa aclamada longametraxe de non ficción ‘Todo é cárcere‘. A obra achega unha profunda e coidada mirada aos campos de concentración do franquismo dende a actualidade das paisaxes que os acolleron, rescatando a través de cartas a memoria viva, as conviccións políticas e as historias humanas dos represaliados republicanos.
Pola súa banda, o cineasta Sebastián Uría foi galardoado co Premio Pilar Miró á mellor nova dirección española pola súa ópera prima, ‘Adiós, ríos’. Ambientada nos Ancares galegos e protagonizada por Amador Arias, a cinta aborda a problemática da despoboación rural, entrelazando con extrema sensibilidade a paisaxe, a memoria e a vida de quen resiste no territorio.
