A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da Asociación Galega de Produtoras Audiovisuais (AGAPI) pon en marcha unhas xornadas formativas arredor do sector audiovisual dirixida ao alumnado das tres universidades galegas de Comunicación Audiovisual, e de catro centros formativos de Imaxe e Son de Galicia localizados nas catro provincias galegas.
As xornadas están financiadas en virtude da colaboración establecida entre o ICAA e a Axencia Galega das Industrias Culturais. Baixo o título de ‘Xornadas Profesionais: A produción independente galega’, teñen como obxectivo achegar aos futuros profesionais do eido audiovisual un contacto directo co sector a través de persoas referentes con diferentes perfís e cargos dentro do mesmo.
A produción executiva, a produción de televisión, a dirección de produción, o rol da script ou as coproducións son algúns dos temas que se abordarán nesta xeira de relatorios coas que tamén se busca dar visibilidade á produción audiovisual independente galega e normalizar o galego como lingua vehicular para o alumnado en relación a postos de desempeño e responsabilidade nas producións audiovisuais, así como normalizar a presenza feminina en cargos de responsabilidade nun sector historicamente moi masculinizado, entre outros aspectos.
Recoñecidos relatores
A iniciativa contará coa intervención de relatores do audiovisual galego nos diferentes aspectos da produción audiovisual. Profesionais que contan cunha extensa traxectoria que fará que o alumnado coñeza de primeira man o seu traballo, o desenvolvemento dos seus proxectos, e tamén os seus éxitos tras os que se agochan moitas horas de implicación para ver materializado un soño.
Así, a iniciativa conta coa participación de: Alba Gallego (Kraken Media) que abordará “O oficio de script”; Felipe Lage (Zeitun Films) e Roi Carballido (Filmika Galaika) que falarán de “Producir en coprodución”; Silvia Fuentes (Sétima), Suso López (Gaitafilmes) achegarán ao alumnado “A produción executiva de cine”; Chelo Loureiro (Abano Producións) disertará sobre “Producir animación”; Sara Horta (Indígena Films) e Simone Saibene (Noveolas) porán sobre a mesa a temática de “A importancia de contarnos”; Héctor Carré (Sun Lúa) falará sobre “Guión e produción” e, Alba Prol (Meteórica), Mercedes G. Nieto (M International Communication) e Gael Herrera (Tamboura) intervirán no seu relatorio sobre “Producir para televisión”.
Posta en marcha das xornadas
As formacións serán impartidas ao alumnado dos Graos en Comunicación Audiovisual das Universidades Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo), así como nas Escolas de Imaxe e Son de A Coruña e Vigo, O CIFP de A Farixa e a Fundación TIC, do EIS de Lugo.
Cada unha das xornadas propostas contará cun programa e relatores diferentes enriquecendo deste xeito a iniciativa coa que se cubre as necesidades de coñecemento profesional do sector audiovisual desde unha perspectiva aplicada en galego.
A través da visión e da traxectoria dos profesionais implicados nos postos de responsabilidade dos filmes, o alumnado poderá coñecer o desenvolvemento dos proxectos desde o nacemento da idea, ata a estrea pasando polas fases de produción, gravación, edición, distribución… por citar tan só algunhas das etapas polas que ten que pasar unha película, serie ou programa antes de ver a luz.
A necesidade de organizar actividades formativas no sector audiovisual galego é tamén un aspecto clave para o desenvolvemento profesional e para a creación dun ecosistema sólido e dinámico. As novas xeracións de creadores e profesionais necesitan contar con formación especializada que lles permita afrontar os retos dunha industria cada vez máis competitiva e tecnoloxicamente avanzada.
As xornadas arrincan o día 18 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, para continuar o día 20 na Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV).
Na seguinte semana, será a quenda o día 25 da Tic EIS Lugo, o 26 do CIFP A Farixa en Ourense e o día 28 da Facultade de Comunicación de Pontevedra.
Xa en abril remataremos estas xornadas con unha cita o día 1 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña (UDC) e o día 2 no CIFP Imaxe e Son tamén da Coruña.
O audiovisual galego goza dun moi bo momento. Que o futuro siga polo ronsel marcado pasa pola implicación e formación das novas xeracións.