Xa se coñecen os finalistas na XXI Edición dos Premios Mestre Mateo

Xa se coñecen os finalistas na XXI Edición dos Premios Mestre Mateo

A serie ‘Rapa’, cun total de 19 candidaturas, e a película ‘O Corpo aberto’, con 16, son as dúas grandes favoritas da XXI edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.

Os finalistas déronse a coñecer este martes nun acto celebrado desde o Museo MEGA de Estrela Galicia, na Coruña, e presentado polos membros da Academia Galegado Audiovisual Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán.

Tras ‘Rapa’ -produción máis votada entre as 194 presentadas ao certame- e ‘O Corpo Aberto’, sitúanse a película ‘Código Emperador’, con oito nomeamentos, e a longametraxe de animación ‘Unicorn Wars’, con seis.

De entre todos os profesionais finalistas nesta XXI edición, Alberto Vázquez acumula tres candidaturas polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de ‘Unicorn Wars’; as mesmas que Jorge Coira pola montaxe de ‘Código Emperador’ e pola dirección desta mesma película e da serie ‘Rapa’. Precisamente, ‘Rapa’ competirá contra ‘O Corpo Aberto’ por levar premios nas categorías de interpretación, mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e peiteado, montaxe, son e vestiario. En concreto, en ‘Rapa’, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas a mellor interpretación feminina de reparto, mentres que Lucía Veiga e Mónica López optarán á de mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.

En ‘O Corpo Aberto’, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán por ser mellores actores de reparto e María Vázquez, Vitoria Guerra e Tamar Novas como protagonistas. As candidaturas de interpretación complétanse cos traballos de Denís Gómez (reparto) e Luís Tosar (protagonista) en ‘Código Emperador’; e Manuel Manquiña (protagonista) en ‘O home e o can’.

O premio á mellor longametraxe disputarase entre ‘O Corpo Aberto’, ‘Código Emperador’, ‘Life is life’ e ‘O home e o can’.

Ademais, tras oito edicións sen presenza de películas de animación, este ano haberá dúas: ‘Valentina’ e ‘Unicorn Wars’.

Pola súa banda, as finalistas a mellor documental son catro: ‘A foreign song’, ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’, ‘Non somos nada’ e ‘Onde máis doe’.

TELEVISIÓN

Na categoría de mellor serie para TV haberá dúas producións emitidas pola Televisión de Galicia, ‘A lei de Santos’ e ‘Saudade de ti’, ás que se suman outras dúas emitidas por ‘streaming’, que son ‘Operación Marea Negra’, de Amazon Prime Vídeo, e ‘Rapa’, de Movistar+.

En mellor serie web compiten ‘Delicias amargas’, ‘Historias vageniales’, ‘Prigandas’ e ‘Terapia de’. Ademais, Esther Estévez, Simone Saibene, Xosé A. Touriñán e Mario Brión Toucedo son os finalistas para mellor comunicador. Os tres primeiros tamén compiten por alzarse co galardón ao mellor programa con ‘Dígocho Eu’, ‘Cinephilia’ e ‘Catro Gatos’, a maiores de ‘Clac’.

Tamén en televisión, son finalistas á mellor realización: Rubén Veiga por ‘Malo Será!’, Simón Casal de Miguel por ‘Artificial Justice’, Simone Saibene por ‘Cinephilia’ e Jairo Iglesias por ‘Catro Gatos’. Así mesmo, as candidaturas a mellor videoclip son ‘A quincena do Apóstolo’ de Boyanka Kostova, ‘Cobiza’ de A banda da loba, ‘Noa’ de Guadi Galego e ‘Pano Corado’ de Tanxugueiras.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies