Detrás de Noveolas Producións atópase o polifacético Simone Saibene, italiano de nacemento pero galego de adopción e corazón. E é que a relación de Simone con Galicia e o cinema galego é unha historia de amor a primeira vista. Aínda que esta road movie conta con moitas curvas nas que nos gustaría parar, imos tratar de resumir para entender como nace Noveolas Producións, a máis recente incorporación a Agapi.
Como case todas as grandes historias, todo empeza cunha casualidade, unha viaxe a Santiago de Compostela que en realidade era para un primo seu que ao final non puido ir, unha desas viaxes que sen sabelo ían cambiar o curso da súa vida. Nesta primeira viaxe, Simone namorouse de Galicia e o seu cinema, tanto que acabou realizando a súa tese sobre o cinema galego. Para o traballo de documentación viaxou varias veces a Galicia desde Milán en tren, viaxes dunha semana para poder ver no CGAI as películas de Chano Piñeiro, Eloy Lozano, Xavier Villaverde ou as primeiras curtas de Jorge Coira. No 2004 ‘Mar dentro’ gaña no León de Prata no Festival de Venecia e como experto no cinema feito a este lado do atlántico a revista Duel pídelle que escriba un artigo sobre a película, de novo unha curva no camiño que leva Simone Saibene a converterse en crítico cinematográfico durante varios anos, primeiro para a revista e logo para a Fundación San Fedele. Aínda traballando en Italia, no verán do 2006 grava en Cedeira e San Andrés de Teixido, cun equipo italo-galego, a curtametraxe de 26 minutos ‘Regreso a San Andrés’. A finais do 2009 decide instalarse definitivamente en Ourense e tres anos máis tarde roda a súa primeira longametraxe ‘9 Olas’ unha película que se puido realizar grazas ao crowdfunding, o primeiro que se facía en Galicia e uns dos primeiros de España.
A produtora constitúese oficialmente no 2012 e a película estréase ao ano seguinte. Simone volverá a San Andrés de Teixido para gravar ‘Pelerinaxes’, unha película entre ficción e documental que actualiza o mesmo camiño que fixeron Otero Pedrayo, Vicente Rico e Ben-Cho-Shey de Ourense a Teixido, e está protagonizada por Carmen Méndez.
Falamos con Simone sobre a súa vida pero tamén sobre todo no que está a traballar actualmente. En Noveolas Producións están agora coa distribución do documental ‘Escribir o imposible’, escrito e dirixido por Simone. A cinta que se estreou na Semana Internacional de Cinema de Valladolid narra a historia do escritor galego Juan Tallón ao longo de catro anos inmerso no proceso de escritura das súas últimas dúas novelas, ‘Rewind’ e ‘Obra Mestra’. Tallón acaba de publicar ‘Obra Mestra’, novela que será traducida ao francés polo que esperan que o documental se poida ver pronto tamén en Francia.
“Para min, os meus proxectos son o primeiro, e sempre están relacionados coa cultura galega, co que significa a identidade e con converter o local en universal” (Simone Saibene)
O ano pasado acabaron o documental ‘Os camiños dun neno labrego’, unha iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas que nos mostra un roteiro cultural por Gres, aldea natal do autor. Actualmente atópanse coa preprodución dun documental inspirado no histórico Novocine de Leiro (Ourense) que este ano cumpre 40 anos da súa apertura.
Dixemos ao principio deste artigo que Simone Saibene era polifacético, e é que ademais de todos os proxectos audiovisuais que producen e distribúen desde Noveolas Producións, Simone produce e conduce semanalmente o programa ‘Cinephilia’ emitido por Telemiño, programa que cada semana recolle as últimas noticias relacionadas co audiovisual galego e do panorama cinematográfico internacional. O ano pasado o programa recibiu o Premio CREA á Mellor Realización en TV, no 2021 o Mestre Mateo a Mellor Programa, e este ano contan con 3 nomeamentos aos Mestre Mateo: Mellor Programa, Mellor Comunicador e Mellor Realización.
Ademais de todo isto, Simone colabora semanalmente cun programa na radio en Onda Cero e escribe críticas de cinema para o xornal La Región de Ourense, cidade na que vive desde fai máis dunha década. Entre cinema, guións, salas de edición… Simone Saibene saca tempo para compoñer e tocar no seu grupo ‘Os Forasteiros’, con temas que mesturan no country e o folk e por suposto con letras escritas en galego. En 2018 publicaron o EP titulado ‘Grelos Western’.
“Ás veces cando digo no alto todo o que fago asústome…supoño que o único quédame de Italia é a fama milanesa de que somos adictos ao traballo ”
E como broche final unha anécdota desas que parecen sacadas dunha película, mentres realizaba a súa tese doutoral Simone chegou a poñerse en contacto con Agapi para poder realizar prácticas, quen lle ía a dicir que anos despois pasaría a formar parte deste grupo de produtoras independentes que loitan por un cinema feito desde aquí, en palabras de Simone “para min esta nova incorporación é pechar un círculo”.