O pitching “I+P, Ideas para Producir” ten aberto ata o 6 de outubro o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na súa 15ª edición, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro en Pontevedra. O Clúster Audiovisual Galego garantirá as medidas de protección persoal e distancia social fronte á Covid-19.
O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.
Entre todos os traballos recibidos, un comité de expertos seleccionará 18 proxectos de cine e televisión para realizar o día 1 de decembro un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching.
Os produtores e creadores interesados en participar nesta nova edición do I+P poden rexistrar os seus traballos ata o día 6 de outubro enviando o formulario de inscrición a comunicacion@clag.es. Tanto a convocatoria como o formulario están dispoñibles na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com. O Clúster comunicará en novembro os proxectos seleccionados.
Na edición de 2021 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX, Cinetools e Galicia Calidade e coa colaboración de AGAG, da plataforma Filmarket Hub e da Pontevedra Film Commission.