Noveolas Producciones inicia a rodaxe de ‘Cine Paraíso, Leiro’, documental que contará a vida do Totò de Galicia
‘Cine Paraíso, Leiro’, a última longametraxe documental de Simone Saibene, producida pola nosa asociada Noveolas Producciones, continúa a súa rodaxe en Leiro (Ourense), Ribadavia e Vigo. O filme conforma un retrato sobre a figura de Ernesto Romero, o proxeccionista e xestor do Novocine de Leiro e cuxa vida ten un paralelismo con Totò, o protagonista do filme Cinema Paradiso de Tornatore. Hoxe, mércores 4 de marzo, está prevista unha gravación no Novocine coa participación do alumnado do CEIP Plurilingüe Albino Núñez de Ourense.

Ernesto Romero e o seu cinema son o punto de partida para un documental atípico, vital, que tocará diferentes temas: os soños, a esencia fantasmal do cine, o paso do tempo e un novo enfoque sobre o rural. En ‘Cine Paraíso, Leiro’ falarase de cine pero tamén do proceso de evolución do rural e a importancia da súa sala de cinema como dinamizadora cultural da comarca.

Un filme que, segundo as palabras do propio director, quere reflectir: “a poesía que proxecta o Novocine de Leiro. O cine de Ernesto Romero ten un encanto especial. Ademais de dinamizar culturalmente o rural durante os últimos corenta anos, nun tempo non moi afastado chegou a ser a vangarda sendo o único cine 3D de Galicia”.