Vivimos indubidablemente na época da inmediatez, onde a creación de contido en redes sociais está a provocar que a nosa capacidade de atención sexa cada vez máis curta. Unha tendencia que parece non ter freo e que nos daría pé a pensar que a curtametraxe ten un lugar único para gañar máis visibilidade e protagonismo, pero é isto así? É a curtametraxe un xénero en auxe? En Agapi quixemos preguntar a tres dos nosos socios sobre a saúde dese xénero cinematográfico e por iso falamos con Felipe Lage de Zeitun Films, o director Xacio Baño e a produtora Beli Martínez de Filmika Galaika.
Para Xacio Baño quen está a piques de estrear unha nova curta “Non che vexo”, a curtametraxe está nun bo momento: “A miña impresión é que si. O signo dos tempos é o que é: cada vez máis rápido, máis pantallas, menos capacidade de atención, máis oferta inabarcable, scroll infinito no catálogo das plataformas… Recentemente fíxose público que Tik Tok será patrocinador oficial da próxima edición do Festival de Cannes e fará unha competición de pezas de 3 minutos. Esta noticia non é unha anécdota. O poder do inmediato asoláganos”.
Noutro punto Beli Martínez cre que non é que esteamos a vivir un momento especial para a curtametraxe senón que é unha tendencia que arrinca dez anos atrás : “Creo que hai unha tendencia desde hai uns anos, as curtametraxes están a ter un recoñecemento nos festivais de categoría A, e tamén hai unha maior visibilidade dunha comunidade de cineastas que son recoñecidos polo seu traballo no formato curto// Ademais estase facendo un traballo de difusión en festivais como Curtocircuíto ou o Festival de Cans en Porriño no que se está poñendo en valor as curtas para que non se consideren obras menores”.
Chegados a este punto expónsenos o eterno debate é a curtametraxe un xénero menor, un xénero propio? É a antesala da longametraxe ou ten unha identidade propia? Ante
estas preguntas os tres entrevistados coinciden o que a curtametraxe é simplemente cinema:
“Non considero unha curtametraxe como un xénero en si mesmo nin como un xénero menor. Se é bo o cinema é cinema, dure 1 minuto, 90 ou 5 horas. Ademais é unha boa porta de entrada para longas ou para proxectos máis ambiciosos, tanto para o desenvolvemento, o estilo, afianzar o oficio ou como carta de presentación” (Felipe Lage).
“A diferenza entre unha curta e unha longa é só a duración, ao final estamos a falar de cinema, dá igual contar unha historia en 3 minutos, en 70 ou en 240, a diferenza tamén está na distribución e comercialización” ( Beli Martínez).
“Para min non é que sexa un xénero, é que ten a duración perfecta para moitas historias que non teñen sentido que cheguen á hora ou aos 90 minutos. Por iso non sinto que sexa un paso necesario para a longametraxe.// Os directores sempre son os profesionais que menos horas de voo temos nunha rodaxe, e iso non sempre é malo. Pero se considero necesario xogar máis, probar a facer máis películas. E aí entran en xogo todas as formas audiovisuais posibles. Se non, corremos o risco de non ter oportunidades para errar ou experimentar” (Xacio Baño).
Nos últimos anos a curtametraxe nacional conseguiu Palma de Ouro en Cannes, premios do cinema europeo e varios nomeamentos aos Óscars, xustamente o domingo pasado Alberto Mielgo facíase coa figura dourada á mellor curtametraxe de animación. O recoñecemento está pero, e os espectadores? A impresión xeral é que a curtametraxe é vista só por un nicho moi pequeno de mercado, que fai falta para que chegue ao espectador final?
En palabras de Beli Martínez “a distribución é o que falla, é un nicho, e as curtas quedan reducidas a festivais, certames e o que poidamos atopar en internet. O que fai falta se falamos de Galicia, e é algo que vimos reivindicando desde hai tempo, é a existencia
dun slot na TVG onde se programen curtas e un programa de difusión onde dalas a coñecer. Hai que dicir que grazas ás plataformas se queremos, temos acceso, pero o problema é que hai tanto que é difícil destacar, é necesario un comisariado, unha selección para saber que é o que merece a pena”.
Para Felipe Lage a solución para chegar a un maior número de espectadores tamén pasa por buscar espazos de programación: “as curtas non se estrean en salas e apenas se emiten por televisión. A razón disto último segue sendo un misterio, sobre todo pensando no fácil que se poden programar nos ocos de programación existentes”.
E para Xacio Baño a resposta está na rendibilidade económica: “creo que ten que ver co mercado, esa ficción que creamos como sociedade, que é a que diga ou determine que é un espazo xerar diñeiro, e que actúe en consecuencia. Isto activaría moitos resortes e axentes que faría do mundo das curtametraxes un lugar máis atractivo tanto para o investimento como para a exhibición”.
En resumo poderiamos dicir que a curtametraxe ten aínda moito que dicir e achegar, pero necesítase de espazo de difusión máis amplo en que o público poida conectar con esas historias contadas en menos dunha hora.