A escritora, guionista e produtora Lola Salvador vén de ser galardoada co Premio Nacional de Cinematografía 2014, segundo informou o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O xurado resaltou a súa singular aportación á creación cinematográfica, a súa longa traxectoria como mestra de cineastas, o seu compromiso constante co cine no ámbito educativo e a súa contribución decidida á defensa colectiva do sector e os dereitos dos creadores.
O Premio Nacional da Cinematografía concédeo o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), organismo adscrito ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e está dotado con 30.000 euros. Lola Salvador Maldonado (Barcelona, 1938) fundou a produtora Brothers and Sisters coa que produciu a película Salvajes, de Carlos Molinero. Entre 1972 e 1984 escribiu numerosos guións radiofónicos como Con los ojos cerrados o Diario de la luna. Para televisión, escribiu capítulos para Serie rosa ou Barrio Sésamo. No apartado teatral, adaptou en 1984 clásicos como La gata sobre el tejado de zinc caliente, de Tennessee Williams e Espectros, de Henrik Ibsen en 1993. No ámbito literario, escribiu en 1979 El crimen de Cuenca, baseado no seu guión para a película homónima de Pilar Miró e a triloxía El Olivar de Atocha (1988), que posteriormente foi adaptada por ela mesma como guión para unha serie de televisión. Tamén escribiu o guión de Bearn ou La sala de las muñecas (1982), Las bicicletas son para el verano (1984) e Tierno verano de lujurias y azoteas (1993). O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle en 2011 a Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes.