Nuns días abre as súas portas no centro Ágora a nova tempada do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, cunha programación adicada ás narrativas dixitais, inmersivas e transmedia.
A meirande parte das propostas desenvolveranse nos primeiros meses de 2020, pero neste mes de decembro temos xa un adianto de luxo: unha sesión dobre adicada aos universos transmedia con Roger Casas-Alatriste, fundador da produtora de contidos dixitais El Cañonazo, coñecida polo desenvolvemento transmedia de La Zona ou La Peste, entre outros traballos, e polos numerosos premios acadados, non só no desenvolvemento transmedia de producións audiovisuais, senón en campañas de marketing innovadoras, especialmente de branded content e específicas para producións audiovisuais.
- Así, o 17 de decembro de 19h a 20h45 temos unha charla na que coñecer as posibilidades e tendencias do transmedia no audiovisual, ademais do programa completo do #LAIC 2020 😉
- O 18 de decembro, aínda que xa coas prazas cubertas, temos aberta a inscrición en lista de agarda para unha 2ª sesión cun enfoque máis práctico e próximo, orientada a coñecer como encaixar as pezas dun proxecto transmedia.
As inscricións de balde, nas dúas sesións ou só nunha delas, pode facerse desde aquí.