I Concurso de Webseries HISTORIAS DO CAMIÑO

I Concurso de Webseries HISTORIAS DO CAMIÑO

O I Concurso de Webseries da CRTVG HISTORIAS DO CAMIÑO xa ten finalistas. Trátase dos traballos IMOS AVIADOS, de Adrián Reza, Iago Pousa, Verónica Pan, Joaquín Crujeiras e Ledicia Bellón; XOGO DE HEROES, de Roberto Conde, e TRES PITOS E UN CAPÓN, de Carlota Dans e Didac Dalmases. Este resultado feito público hoxe polo xurado, que elixiu de entre un total de 17 traballos, ten como obxectivo abarcar novos nichos de mercado na internet e apoiar a creatividade e o talento galego a través de formatos innovadores. Na súa primeira edición, está relacionado co fenómeno Xacobeo, por ser un elemento clave da cultura e da identidade galega, ao tempo que cumpre cunha imaxe de marca universal.

Os autores dos tres traballos seleccionados terán a posibilidade de perfeccionar o proxecto nun obradoiro impartido por profesionais de recoñecido prestixio. A CRTVG comprométese a comprar os dereitos de propiedade intelectual do episodio piloto do gañador para súa comunicación pública en crtvg.es. O xurado estivo composto por por Vanessa Grela, xefa do Servizo de Programas de TVG; Montse Besada, xefa do Servizo de Produción Allea da TVG; Ignacio Varela, coordinador do concurso de webseries da CRTVG; Antón Galocha, redacción de contidos da web da CRTVG, e Esther Medina, xefa da Área de Innovación e Novas canles da CRTVG. Esta iniciativa inscríbese dentro do proxecto Labovisión de Galicia, un laboratorio de innovación audiovisual posto en marcha en 2012 pola CRTVG co obxectivo de promover e apoiar o talento do noso país, orientado á procura e ao desenvolvemento de novas tendencias audiovisuais. Poden consultarse máis detalles sobre Labovisión no seguinte enlace.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies