Felipe Lage: “Cada proxecto é unha nova aventura indeterminada”

Felipe Lage: “Cada proxecto é unha nova aventura indeterminada”

“Todos vos sodes capitáns” de Oliver Laxe foi a película que impulsou ao director e ao seu irmán Felipe Lage a crear Zeitun Films en 2009. Cando empezaron a traballar de maneira non profesional sen produtora, pronto se deron conta de que necesitaban dar o salto á produción e á distribución.

Foi precisamente esta primeira película coa que conseguiron o premio FIPRESCI do Festival Internacional de Cinema de Cannes, algo que lles permitiu ter unha visibilidade a nivel internacional, en palabras de Felipe “foi pasar de cero a cen”.

Definen o seu traballo como cinema de autor de vangarda, e en cada proxecto traballan co autor no desenvolvemento e a nivel creativo, e ademais encárganse do financiamento do proxecto, que adoita ser unha das partes máis complexas.

Agora mesmo están a piques de estrear a próxima película de Lois Patiño, que leva por título “Lúa Vermella”. Ademais, están a desenvolver dúas longametraxes, a primeira “Montaña ou Morte” dirixida por Pela del Álamo, e, a segunda é unha película da directora libanesa Feyrouz Serhal titulada “I am here but you can´t see me”. E por último, están a traballar no desenvolvemento dunha curtametraxe do galego Eloy Dominguez Seren, de título “ Rompente”.

Desde Zeitun Films ven claro que Galicia pasa por un momento creativo único, non hai máis que ver os resultados e a acollida que están a ter as producións galegas a nivel internacional.

Preguntámoslle a Felipe sobre os retos dunha produtora como a súa, a resposta é clara “a subsistencia e o financiamento dos proxectos son os dous grandes retos”. Respecto ás causas de por que é tan complicado o financiamento dos proxectos, “hai moitos factores, ademais de estar nunha fase de cambios o apoio institucional non é tan decidido e sólido como en países veciños como Francia, Italia ou Portugal”.

Ao repasar o catálogo de Zeitun Films (“Todos vos sodes capitáns”, “ Mimosas”, “Costa da Morte”…) dámonos conta de que en Galicia o cinema de autor de vangarda colleu forza e solidez, e a súa proxección internacional é imparable.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies