Éxito das produtoras asociadas de Agapi nas candidaturas finalistas aos Mestre Mateo

Éxito das produtoras asociadas de Agapi nas candidaturas finalistas aos Mestre Mateo

Tras coñecer as candidaturas finalistas da vixésimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo nun acto celebrado no Pazo da Deputación de Pontevedra, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi, quere dar os seus parabéns a todo o audiovisual galego polo seu traballo e, moi especialmente, ás nove produtoras asociadas -que suman un total 56 nominacións en diferentes categorías- que optan por alzarse con algún dos galardóns do audiovisual galego.

As produtoras asociadas a Agapi nas que recaeron as nominacións son: Rebordelos, Gaita Filmes, Sétima Media, Abano Producións, Noveolas Producciones, Nós Produtora Cinematográfica Galega, Undodez, Portocabo e Cósmica, nove recoñecidas empresas que levan anos traballando no audiovisual feito en Galicia desde Galicia para o mundo.

Candidaturas

A serie ‘Rapa’ de Portocabo é a produción máis votada polos académicos, con 18 candidaturas, entre as que están a de “Mellor serie de TV”, “Mellor dirección” ou a nominación a sete dos seus actores como finalistas nas categorías de interpretación de reparto e protagonista. Tamén da produtora Portocabo a longametraxe ‘+ Cuñados’, aspira a alzarse co premio a “Mellor longametraxe”, ademais de estar nominada en cinco candidaturas máis.

Na pugna cara a consecución do premio á “Mellor longametraxe” tamén están as películas das socias de Agapi: ‘As Neves’, de Cósmica, produtora que suma un total de 13 candidaturas máis pola realización desta película, entre as que se pode destacar á “Mellor dirección” e “Mellor interpretación feminina de reparto”, “Mellor interpretación feminina protagonista”, e ‘Xustiza artificial’, de Abano Producións.

Tres dos catro finalistas a “Mellor documental” tamén forman parte da rede tecida por Agapi: ‘Aurora’, de Gaita Filmes; ‘Filmei paxaros voando’, de Sétima Media, e ‘Prefiro condenarme’, de Nós Produtora Cinematográfica Galega, cuxo guión, de Margarita Ledo e Eva Veiga, tamén é finalista xunto cos traballos de Pepe Coira e Fran Araújo por ‘Rapa’ e Sonia Méndez por ‘As Neves’.

Oito curtametraxes compiten na súa categorías, entre elas, ‘Platónico, plantónica’, de Rebordelos con guion e montaxe de Xacio Baño, e na que constrúe un ensaio visual sobre a semiótica da imaxe.

Noveolas Producciones está nominada en tres categorías co seu programa ‘Cinephilia’, a “Mellor programa”, “Mellor comunicador” e “Mellor realización” para Simone Saibene, creador de Noveolas.

Cabe destacar o traballo da produtora Undodez que opta a varios premios, entre eles, tres a “Mellor programa” por: ‘Nosoutras’, ‘Recollendo músicas’ e ‘Bibopalula’.

Os premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 15 de marzo no Lalín Arena, Pontevedra.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies