‘Decorado’, de Alberto Vázquez terá a súa estrea en España no Festival de Sitges

‘Decorado’, de Alberto Vázquez terá a súa estrea en España no Festival de Sitges

Decorado, o agardado novo traballo de Alberto Vázquez formará parte da Sección Oficial da 58ª edición de SITGES – Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya, que se celebrará do 9 ao 12 de outubro.

O 24 de outubro chegará aos cines españois da man de Barton Films.

Decorado é unha longametraxe de animación que combina sátira, surrealismo e humor negro para mergullarnos nunha realidade inquietante e absurda.

O seu protagonista, un cidadán aparentemente corrente, comeza a sospeitar que todo ao seu redor —o seu traballo, a súa parella, a súa cidade— forma parte dunha xigantesca farsa. Cun estilo visual único e un enfoque mordaz sobre a existencia humana, Alberto Vázquez (“Psiconautas”, “Unicorn Wars”) firma una fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. Unha obra tan provocadora como fermosa, destinada a converterse nunha das películas de animación máis aclamadas e sorprendentes do ano.

Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, Decorado é unha produción de Chelo Loureiro, Iván Miñambres, J. M. Fdez de Vega, Nuno Beato e Diogo Carvalho.

SINOPSE

Arnold é un rato de mediana idade atrapado nunha crise existencial. O seu matrimonio esborrállase, a súa vida parécelle absurda e comeza a sospeitar que todo ao seu redor é unha gran farsa. Cando o seu mellor amigo morre en circunstancias sospeitosas, Arnold convéncese de que algo non encaixa. O que comeza como unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.

NOTAS DE ALBERTO VÁZQUEZ

“A historia de Decorado nace dun longo camiño cheo de casualidades, achados artísticos e persoas que fixeron posible esta longametraxe. Sempre me interesou abordar temas contemporáneos a través da fantasía. A metáfora e o conto permiten narrar dende outro lugar, ofrecendo novas perspectivas sobre a realidade. Os animais, ao non estar atados a un tempo nin a un espazo concretos, pertencen a todas as culturas; proveñen das fábulas, dos contos clásicos, pero tamén das orixes do cómic e a animación. Por iso están profundamente arraigados no noso imaxinario colectivo e enténdense en calquera lugar do mundo. Ademais, os animais son máis bonitos en todos os sentidos que os humanos. En 2016, xusto tras rematar a película Psiconautas, escribo e dirixo a curtametraxe Decorado, duns dez minutos, onde recupero parte desas historias e utilizo unha gráfica inspirada nos gravados do século XIX, ao estilo de Gustave Dourei. Decorado reflicte a loita existencial de Arnold e María, unha parella de ratos ordinarios atrapados na mediocridade dun mundo superficial, controlado por unha megacorporación omnipresente: ALMA (Almighty Limitless Megacorporative Agency), que fabrica e domina absolutamente TODO, coma se Google, Amazon ou Monsanto se fusionaran nunha soa entidade. Arnold atravesa unha crise múltiple —existencial, laboral, emocional e amorosa— e a súa batalla persoal fronte a esta sociedade prefabricada marcará o seu camiño cara a procura da liberdade. A película convértese nunha fábula crítica sobre o sentido da vida e a liberdade humana e reflicte que a única saída posible reside nos vínculos afectivos reais e sinceros. A verdadeira amizade e o amor aparecen como salvación fronte a un mundo saturado de relacións superficiais e de traballo baleiro. A nivel gráfico, Decorado garda unha continuidade coas películas anteriores e coa curtametraxe orixinal, aínda que nesta ocasión a dirección de arte de José Luis Ágreda achega unha visión gráfica propia que enriquece o resultado: un debuxo sólido e un uso da cor narrativa, expresiva e simbolista. A animación, dirixida por Pamela Poltronieri, mantén un equilibrio delicado para lograr que os personaxes, aínda que sexan animaliños, teñan unhas emocións moi humanas”.

Biografía Alberto Vázquez (A Coruña, 1980)

Director de animación, ilustrador e debuxante de cómics. Os seus libros foron editados en países como España, Francia, Italia, Brasil e Corea e as súas ilustracións apareceron en medios impresos de todo o mundo. Escribiu e dirixiu curtas de animación como “Birdboy “, “Sangue de Unicornio” “Decorado” ou “Homeless Home” baseados nos seus cómics. Os seus traballos gañaron catro Premios Goya, acadando o Goya á Mellor Curtametraxe de Animación en 2012 por “Birdboy” e en 2017, co Goya a mellor película por “Psiconautas” e mellor curtametraxe de animación por “Decorado”.

En 2022 gañou o Goya coa longametraxe “Unicorn Wars”.

Obtivo máis de 100 premios internacionais en citas como o Festival de Annecy, Chicago, Premios platino, Foyle (preseleccionado para os Oscars), Expotoon ou o Meliés de prata. As súas obras foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, EFA Awards, Toronto,Annecy, Clermond-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance.

Decorado é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold AIE e Sardinha Em Lata. A prestixiosa distribuidora Le Pacte encargarase das vendas internacionais do filme. O proxecto conta co respaldo de RTVE, ETB, TVG, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badajoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Bizkaia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies