Nós, Produtora Cinematográfica Galega acaba de estrear no Festival de Cinema Europeo de Sevilla a última película de Margarita Ledo, “Nación”, unha longametraxe de non ficción que retrata a loita obreira da mulleres, e faio a través da historia dun grupo traballadoras da fábrica de cerámica “A Pontesa”. En palabras da directora é “unha película que trata do moito que tardamos as mulleres en ter dereitos, non só en votar senón en acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes. En resumo, o moito que nos custou ser Nación”.
En Galicia a primeira proxección de “Nación” será en Santiago de Compostela o vindeiro mércores 18 de novembro ás 20:00 horas no Teatro Principal e o xoves 19 de novembro ás 18:00 horas no Cinema NUMAX. Ambas as proxeccións forman parte da programación da 34º edición de Cineuropa que este ano entrega o Premio Cineuropa 2020 precisamente á directora do filme, Margarita Ledo. Un premio honorífico co que se quere homenaxear así á directora pola súa traxectoria cinematográfica e como referente clave do cinema galego. Ademais, a película terá un percorrido institucional e a finais de mes estará no Festival Márgenes de Madrid. Desde a produtora esperan estrear en salas en marzo do 2021, ao redor do día 8 coincidindo co Día Internacional da Muller.
A principios deste ano terminaron para a TVG “ Desertores do Asfalto”, unha miniserie sen data de estrea confirmada, que foi rodada en 13 localidades diferentes e que busca dar voz ao rural galego a través das historias de trece personaxes diferentes. Ademais, o pasado agosto estreouse o documental “Moncho Reboiras acción de corazón”, proxecto no que participou como
asesor da Fundación Bautista Álvarez. A cinta conta a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, última vítima mortal da ditadura franquista en Galicia.
Desde Nós afírmannos o Covid-19 non trouxo nada positivo, o impacto económico foi grande. Por unha banda obrigou a atrasar a postprodución de “Nación”, co custo que isto implica, e por outra, a pandemia impediulles asistir ao Festival de Cinema Europeo de Sevilla, “xa non é só o gasto que tivemos adiantar polo desprazamento do equipo, viaxes, hoteis…senón tamén o custe
emocional, todo o equipo estaba moi ilusionado e ao final non puidemos ir”.