O auditorio da Sede Afundación en Pontevedra foi o escenario este venres 20 da gala da III Edición dos Premios Mulleres no Foco que a Deputación de Pontevedra promove en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das profesionais galegas do audiovisual.
A gala foi presentada polas actrices Chelo do Rejo, María Ángeles Iglesias e Anabell Gago e contou coa actuación de Fillas de Cassandra, María Move e Sue Moreno. A produtora Beli Martínez (Filmika Galaika), a actriz e directora Mariana Carballal e a actriz Maruxa Tomei foron as galardoadas nesta III Edición. As tres gañadoras recibirán un premio de 5.000 euros cada unha. Estas candidaturas foron propostas por entidades locais, culturais e profesionais do sector, entre elas AGAPI, que estivo presente na gala. Parabéns a todas!