A figura de Ricardo Carvalho Calero foi o fío condutor de case todos os proxectos da produtora Arraianos Produccións nos últimos meses. O primeiro deles é “De Carballo a Carvalho”, un documental realizado para AGAL, dirixido e guionizado por Aser Álvarez, que repasa a vida do escritor galego a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas coincidindo co 30 aniversario da súa morte. A cinta púidose ver por primeira vez en salas a semana pasada no Teatro Colón da Coruña, pero a súa estrea como o de moitos outros este ano tívose que facer online o pasado 17 de maio, ademais o documental foi distribuído en varios centros educativos para que sirva como ferramenta con fins pedagóxicos.
O segundo dos proxectos de Arraianos Produccións é unha fotobiografía sonora que leva por nome “Carvalho Calero sem fronteiras”, un proxecto que fixeron xunto ao músico Moisés Quintas, quen compuxo unha banda sonora orixinal para os documentais e para este libro CD que contén fotografías e gravacións inéditas de Carvalho Calero. En palabras de Aser
Álvarez, “este proxecto ten un carácter pedagóxico e educativo, móvenos ese afán por divulgar, por transmitir con diferentes linguaxes unha figura tan descoñecida como a de Calero, confiando na educación como ferramenta transformadora”.
Outro dos proxectos que fixeron ao redor da figura de Carvalho Calero foi, “Unha palabra para don Ricardo”, un conxunto de mini pezas audiovisuais onde diferentes personalidades da cultura galega escolleron unha palabra para describir ao escritor, que se pode ver na web da Real Academia Galega e que foi emitido en TVG. Para o 2021 preparan dúas curtametraxes sobre dúas figuras pouco coñecidas como son as do xornalista e escritor galego Julio Camba, sobre as súas orixes e os primeiros anos de súa vida, e a de Xosé Velo Mosquera, activista e galeguista que tivo que exiliarse en Brasil e que antes participou na resistencia antifranquista galega.
En palabras de Aser Álvarez “para nós é fundamental aproveitar o formato audiovisual para facer memoria e dar a coñecer a cultura galega desde unha perspectiva contemporánea. Este ano foi moi gratificante ver como podiamos axudar aos centros educativos con estas pezas audiovisuais e axudar así a que se coñeza a figura de Carvalho Calero”.
O 2020 está a ser un ano difícil para todos pero desde Arraianos Produccións afirman, “temos sorte de seguir traballando, todo é moito máis difícil, pero hai que seguir loitando, nós traballamos con humildade en proxectos pequenos, feitos con moito agarimo, moi artesanais, que conseguimos sacar adiante con esforzo e grazas ao apoio dalgunhas institucións cuxo compromiso nos permitiu seguir facendo cousas”.