A mañá do mércores 16 de xullo en Casa Ría (sede da fundación David Chipperfield e estudo do arquitecto en Galicia) tivo lugar o encontro “OFF NA TERRAZA”.
Un evento organizado por AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e a escola de cinema catalá ESCAC, a través do seu programa OFF ESCAC que tivo como obxectivo celebrar a produción independente galega e dar a coñecer diferentes iniciativas de colaboración.

Gloria Vidal, responsable do programa OFF ESCAC, presentou este proxecto, que desde a súa chegada a Galicia fai uns meses desenvolveu formacións en A Coruña, Santiago de Compostela, O Carballiño ou Rianxo. OFF ESCAC é un programa de microformacións bonificadas pensado para que “os profesionais do audiovisual adquiran novas competencias para adaptarse á evolución do mercado”, así como ofrecerlle ás persoas vinculadas co audiovisual, aínda que non profesionais, a oportunidade aprender novas ferramentas e coñecer mellor o sector.
Unha desas colaboracións é con AGAPI. Uxía Caride, xerente da asociación, presentou algunhas das iniciativas que realizarán xuntas ambas entidades. En outubro realizarase unha formación en Produción Executiva, da man de expertos como Rodolphe Sanzé, produtor e consultor, Sandra Tapia, de Arcadia Motion Pictures ou Noemí Cuetos, productora e distribuidora. A formación será bonificada e destinada a profesionais do audiovisual con experiencia. Ademáis, AGAPI e OFF ESCAC contarán con presencia conxunta en diferentes actividades nos festivais Novos Cinemas, Intersección e Festival de Cine de Gijón
As 40 produtoras asociadas de AGAPI, así como diversos profesionais de OFF ESCAC, foron citados para conversar arredor da situación e expectativas do sector audiovisual galego, que se atopa nunha situación de notable desenvolvemento.
O encontro tivo como obxectivo seguir fortalecendo a rede de colaboración entre AGAPI e OFF ESCAC, construíndo o asociacionismo dende un espazo común.


