A GUERRA DE MIGUEL, documental de Eliane Raheb, recibiu na edición 2021 da Berlinale o prestixioso Premio Teddy á mellor longametraxe.Ademais, foi a segunda preferida no premio do público da sección Panorama. |
A GUERRA DE MIGUEL é un documental de Eliane Raheb que explora diferentes formas narrativas para retratar a historia dun home gai libanés que fuxiu do seu país nos oitenta tentando atopar a liberdade en España. A GUERRA DE MIGUEL é unha coprodución entre o Líbano, Alemaña e España. A produtora española foi Zeitun Films, compañía que produciu algúns dos traballos de directores como Oliver Laxe, Lois Patiño ou Eloy Domínguez Serén. O xurado do Premio Teddy cualificou a película como “unha impresionante arte da linguaxe cinematográfica”, destacando o “forte impacto emocional da película provocado pola química entre a agudeza da cineasta e a autenticidade do protagonista”, así como “a excelencia da súa montaxe, feita de múltiples capas formais e narrativas”. Eliane Raheb é unha creadora e directora libanesa cuxos documentais foron proxectados nos principais festivais de cinema do mundo. Ademais de ser a fundadora de ITAR Productions, Eliane Raheb é membro fundador da Asociación de Cinema Beirut DC e foi directora artística do festival de cinema Beirut Cinema Days. O Premio Teddy é un recoñecido galardón que se entrega na Berlinale desde 1987 a películas participantes no festival con temática LGTB. A primeira película en gañar este premio foi La ley del deseo de Pedro Almodóvar. |