A longametraxe de animación en desenvolvemento, ‘Piso 13’ (Treboa Media) busca socios no 28º Cartoon Movie
Do 3 ao 5 de marzo Burdeos acollerá a celebración da 28ª edición do Cartoon Movie, no que participaran un total de 50 proxectos en desenvolvemento de 21 países. A longametraxe de ciencia ficción ‘Piso 13’, da nosa produtora asociada Treboa Media é a única galega desta selección.

Escrita por Roberto G. Méndez, con dirección de Soraya Antelo e con Martín Gil como autor gráfico, ‘Piso 13’ segue a un grupo de adolescentes que, dun día para outro, se ven atrapados nun 13º piso sobre unha néboa letal poboada por monstros.
Cartoon Movie será a primera cita internacional de ‘Piso 13’, cuxo equipo declarou para Audiovisual 451 a súa intención de buscar socios para esta aventura. «Queremos texer alianzas desde un encaixe natural, con xente que empatice co proxecto e que aporte a súa experiencia para axudarnos a que medre na dirección que imaxinamos.»