A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de facer públicos os proxectos seleccionados para a III Edición do AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión.
O comité desta III Edición, formado por profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva, estivo composto por: Raúl García de Meteórica Cine, Pilar Abades de Illa Bufarda e Javi Lopa de Undodez . Eles foron os encargados de seleccionar os cinco proxectos de creadores e creadores emerxentes que, de outubro a xaneiro, participarán nun programa de mentorización progresiva. Durante este programa, abordaranse temas como orzamento, plan de financiamento, planificación de rodaxe, elaboración de dossieres e técnicas de pitching.
Os proxectos seleccionados foron: “Vén en ondadas” de Ariadna Cordal e Dani Cornes, “Despois de Grecia” de Irene Pin, “Por un puñado de pellets” de Marcos Montiel, “BOANAI” de Uliani Tatit e “Canguro” de Alba Pego.
AGAPI IMPULSA COPROS conta co financiamento do AGADIC a través da liña de Subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, convocadas neste mesmo ano 2024.